En que consiste facer arquitectura para a cultura? Esta é, por razón de sobra coñecida, unha das cuestións máis actuais en Galicia, aínda que tan recorrentemente coma mal formulada. Por isto quixera abordar o tema dende o punto de vista da arquitectura e a cultura, non dende o da presión mediática ou do dos intereses de partido -que, por desgraza, é o que rexe o debate no noso país-, e facelo apoiándome en algo tan remoto como pode ser o traballo de dúas creadoras de Xapón.-Un artigo de Pedro de Llano
Hai un mes escaso, o Bowery, unha área en torno á que sempre se moveu o mundo da contracultura neoiorquina, viviu o nacemento dun novo espazo para a arte e a cultura coa inauguración dunha exposición cun título tan suxestivo coma “unmonumental”, é dicir: non monumental, non maxestoso, non pretensioso.
Na gran capital da cultura occidental abríase, así, un novo lugar para a creación desde a convicción de que a cultura non é algo que deba ser ofrecido en descomunais, artificiosos e custosos contedores senón en austeros recipientes nos que o protagonismo sempre será dos seus usuarios.
Unmonumental é unha mostra na que artistas de distintos lugares do mundo anuncian, coa chegada do novo século, a morte do monumentalismo, definindo as súas obras con materiais reciclados que eles converten en insólitos elementos para a comunicación.
O noso tempo esixe un novo xeito de vivir a cultura, parecen dicir os artistas presentes na mostra. E, para isto, elixiron o inigualable edificio deseñado, para o New Museum, por unha creadora coa sensibilidade dunha Kazuyo Sejima que, no desaliñado Lower East Side, parece empeñada en demostrarnos que o noso debe ser un tempo alleo a “grandiosas obras mestras”.
A proposta de Sejima, sen dúbida unha das más transcendentais contribucións da arquitectura á cultura mundial do século XXI, é unha proposta directamente centrada en dar solución a un programa minuciosamente definido, coa máxima austeridade posible, cunha elemental e accesible tecnoloxía industrial, e unha linguaxe de fragmentos, procedente da cultura do seu contorno, sustentada nunha proposta claramente contraria á intemporalidade. Sejima observou as arquitecturas do Bowery e os irregulares amoreamentos de caixas presentes na multitude de decrépitos establecementos comerciais nel existentes e converteunos nunha arquitectura con vocación de invisibilidade, concretando unha solución espacial e volumétrica dunha admirable elegancia.
O New Museum constitúe un lúcido exemplo dunha actitude de progreso baseada na convicción de que a calidade de vida dos cidadáns só pode crecer cualitativamente a través da súa actividade no universo da cultura. A cultura debe ser planeada como motor dun proceso de desenvolvemento da humanidade, e a arquitectura que a contén debe, loxicamente, responder a ese criterio. Debe converterse non nun lugar indefinido senón nun lugar cunha personalidade concreta, nunca relacionada coa súa escala e alleo a calquera elitismo, no que o feito creativo poida renovarse constantemente mediante o seu acercamento aos cidadáns. Despois de todo, o deseño sempre foi cómplice dunha determinada visión da cultura.
O novo edificio de Sejima non parece ter o seu sitio, pois, entre os grandes e suntuosos edificios institucionais xurdidos, nos últimos anos, nas nosas urbes. Unhas construcións propiciadas polo poder político e fundamentalmente destinadas a captar a atención do público impresionando ao cidadán coa súa lóxica de maxestosidade e autoridade, mentres as nosas cidades seguen resultando cada vez máis torpes e alienantes.
É o narcisista e vacuo mundo da arquitectura do espectáculo.
Na arquitectura do espectáculo, o traballo do arquitecto limítase a conseguir formas máis colosais e impresionantes. Non existen regras nin límites. Todo é posible. Non importa a súa relación co contexto. Trátase, simplemente, de construír grandes decorados e o capricho do creador imponse sobre a auténtica arquitectura. A aparencia pasa a converterse na verdadeira substancia, e o espazo, verdadeiro protagonista da arquitectura, pasa a ser a simple consecuencia das peculiaridades do seu contedor formal.
Á hora de definilos preténdese buscar aos máis renomeados “creadores de formas”, xa que nesa arquitectura non hai límites para as formas, pero… ¿onde queda o home ao que deberían estar destinadas?
A finalidade desa arquitectura non parece ser, xa, a de servir como hábitat do individuo, e moito menos a de cumprir unha función social como contedor cultural.
Falamos, logo, dunha arquitectura que, defendida cos grandilocuentes e baleiros discursos dos aduladores de turno, como retóricas cortinas de fume que ocultan a súa falta de contido, foi deseñada á marxe de calquera programa. Unha arquitectura na que a súa principal finalidade é converter o seu resultado en propaganda sen importar a que se dedique. Esencialmente, foi entendida como obxecto de contemplación pasiva no que a súa relación co espectador está, sempre, baseada nas dimensións duns enormes contedores entendidos como un modo de colonización do seu contorno. Nela non importa que a tecnoloxía utilizada implique un presuposto inalcanzable, porque o realmente importante é conseguir un resultado que impresione ás multitudes como mostra do poder dos seus gobernantes.
Despois de todo non estamos referíndonos máis ca a un simple espectáculo. A unha arquitectura allea á necesidade de xerar lugares que permitan desenvolver un determinado tipo de actividades á colectividade á que está destinada, e de aí a miña referencia a unha segunda arquitecta xaponesa.
Paseando polo New Museum e admirando a súa sobriedade, recordaba que, hai uns anos, visitei, nun barrio de Tokyo, un novo edifico deseñado por unha seductora creadora, chamada Itsuko Hasegawa.
Tratábase da Factoría Cultural de Sumida. Unha innovadora arquitectura convertida en estratexia ambiental, para intervir nun contorno histórico, propiciando unha intelixente interacción entre espazos públicos e privados coa forza plástica dun contedor formalizado como elemento referencial e comunicativo. A súa pel -grandes pantallas curvadas de aceiro perforado, que a cobren como a onda dun tsunami-, establece un sorprendente diálogo coa vella paisaxe circundante e dá continuidade ás vellas rúas alí existentes permitindo desde o seu percorrido a visión dun continuo dinamismo interior que interrelaciona múltiples actividades.
Ese era o seu segredo. A Factoría Cultural é un edificio de pequena escala no que os veciños de Sumida conviven en torno á actividade creativa. Nela puidemos gozar escoitando como, nos seus espazos de ensaio, practicaban a súa afección todo tipo de grupos musicais -desde as rapazas dun pequeno combo de jazz a unha coral de anciáns cantando vellas baladas populares-. Observamos amplos espazos dedicados á nova cultura dixital nos que, en medio dun mar de ordenadores, os seus usuarios conectábanse a través das ondas con toda unha cultura global, ou facían as súas propias páxinas web. Vimos á xente utilizando a súa biblioteca-hemeroteca, na que un grupo de vellos participaba nun seminario de redacción. Visitamos unha incrible exposición de “mangas”. Descubrimos espazos destinados a estudo para escolares e unha ampla gardería. Contemplamos outro grupo de anciáns cultivando bonsais na terraza do edificio. Encontramos locais destinados a unha pequena emisora local de televisión na que os propios membros da comunidade cumprían o papel de actores e coordinadores. Pasamos polo seu planetario. Descansamos na cafetería utilizada polos veciños como centro de reunión…
Á marxe de calquera formulación ligada ao mundo da chamada “arquitectura do espectáculo”, a Factoría Cultural de Sumida, unha arquitectura cunha sorprendente beleza, mostrábanos, desde uns rigorosos requisitos centrados na oportunidade do seu uso, a súa necesidade, a súa adecuación ao contorno, un novo xeito de entender a cultura.
No inicio dun novo tempo non se trataba de ofrecer aos cidadáns un gran “monumento” no que consumir cultura senón un limitado contedor no que cada un puidese facer a súa propia cultura ao tempo que recibir información de todo aquel suceso creativo que no mundo xurdira.
Os dous exemplos citados constitúen dúas excepcionais mostras de como deseñar unha arquitectura para a cultura desde unha proposta austera e innovadora. Non obstante, a estas alturas do artigo algún lector despistado ben puidera preguntarse: E cal pode ser a relación entre estas consideracións e a problemática galega?
Tal vez a ligazón estea en que se na súa viaxe a Xapón -poucas semanas despois da toma de posesión como conselleira de cultura- a señora Bugallo tivese visitado a Factoría Cultural de Hasegawa, o seu empecinamento en xustificar a continuidade e futura utilidade dese “magno proxecto” denominado "Cidade da Cultura" contrastaríase cunha incuestionable realidade: co disparatado investimento que estamos destinando á obra do monte Gaiás poderiamos “cubrir” Galicia de factorías culturais, como a de Sumida, destinadas a unha misión tan primordial para o desenvolvemento do noso país como a súa dinamización cultural. E quizais, por extensión, o presidente da Xunta se tería aforrado o extenuante e baldío esforzo de defender o indefendible.
Despois de visitar Sumida, ou agora o museo do Bowery, tal vez, presidente e conselleira, sen axuda de sabio ningún, terían chegado á conclusión de que o que en realidade necesita o noso país é un proxecto cultural aberto ao seu tempo, do que aínda carece, e cunha infraestrutura adecuada ao mesmo que nada ten que ver coa disfuncionalidade da paradoxalmente chamada “Cidade da Cultura”.
Artigo publicado no Xornal Galicia, en apoio de Isaac Díaz Pardo e os traballadores do IGI


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












