Inquietante reflexión dun socio da SGAE arrepentido da súa pertenza a esta organización paralegal durante máis dunha década como autor de variados despropósitos artísticos e culturais. A súa declaración vén de ser publicada en algún medio galego de pouca difusión e rescatada para o portal de comunicación de masas de Arredemo. De acordo coas instruións do autor, mantemos o seu anonimato.
Recoñezo que hai en min a mesma esquizofrenia que se lle supón a calquera creador. Iso de imitar a deus así á calada metendo os dedos no teclado ou no piano para crear pequenos universos á nosa medida non pode ser unha condición doada de aturar. En realidade, un traballa co que lle dan, co material que outros xa traballaron e que deixaron aí a disposición de quen o queira usar previa prescrición do copyright e esas cousas. Así que crear vén sendo unha loita perpetua entre o teu ego e a cultura da que formas parte. “Copia e mellora” dicía Buster Keaton cando explicaba o segredo de crear gags.
Por iso un guitarrista pode compor un blues cos tres acordes de toda a vida sen que lle acusen de plaxio, e en principio, algún colega pianista pode torturarme cunha Sonata de Mozart durante toda unha tarde sen que teña que pagarlle un peso a tan ilustre e maxistral cadáver por interpretar as súas sublimes excrecencias.
Só que na sociedade esta actual non se pode tolerar que as cousas sexan así de doadas. Seica hai que manterlle o choio a moita xentiña que vive a custa desas migallas porcentuais e canónicas que pagamos aquí e acolá. Pagar, pagamos sempre. Se no teu bar favorito ao taberneiro lle dá por poñer a radio en plan fío musical ou só porque lle presta máis mentres serve viños, pagas varios céntimos en cada copa por escoitar rumores. Se despois do concerto doméstico decides gravar a Sonata de Mozart nun CD virxe, na compra do disco pagas uns cantos patacóns que obviamente non van destinados ao desafortunado xenio de Salzburgo, senón ao director da orquestra ou ao guicho que fixo os arranxos. Hai tamén quen xa rexistrou cancións tradicionais en calidade de “arreglista” e tirou réditos extraordinarios da radio ou da televisión, medios que por aquí aínda pagamos entre todos, así que outros tantos euróns que apoquinamos na conta de xente tan esperixilada en “arreglar” o que faga falta. Casos e casuísticas hai a fartarse. Parafraseando a Rosendo, isto dos creadores é un sector importante, e como tal, ten o seu propio sindicato: a Sociedad General de Autores de España.
Trátase dun sindicato moi especial. Para empezar, se te dedicas a isto de crear e non queres que a organización quede coa guita que xeras por eses mundos de dios, non che queda outra que asociarte porque eles cobrar por ti, sempre cobran. Antes, cando só había vinilo nin sequera podías editar un disco sen ingresar nas súas filas e obter o seu selo, e se ademais eras autor das cancións tiñas que pagarte a ti mesmo unha tonelada de pasta previo desconto do corenta por cento que o sindicato se embolsaba por xestionar tan curioso contrato contigo mesmo. E se tras varios e diversos episodios esquizoides querías dar de baixa o teu repertorio, atopábaste con que é máis difícil saír de aí que da Eta, a Mafia ou a Igrexa Católica. Teñen o monopolio da xestión dos dereitos de autor en todo o estado e se non estás con eles, simplemente non estás.
O problema é que estar dentro é bastante peor que non estar. Por moito que teñas firmes conviccións democráticas, tes que formar parte dunha sociedade onde o voto depende do teu nivel de ingresos, así que hai socios que teñen cinco votos e socios que non teñen ningún, coma é o meu caso, que dios mío querido nunca cheguei a nada na profesión artística. A mesma estrutura piramidal aplícase tamén ao reparto do botín, así que sendo imposible contabilizar as humildes aparicións de milleiros de creadores sen voto por radios, televisións, teatros e recintos feirais, o máis probable é que, por arte da maxia escalar e as listas de vendas, un bo cacho dos dereitos de toda esta recua de perdedores e fracasados acaben no peto de Victor Manuel, Alejandro Sanz ou o mesmísimo Ramoncín, quen segue a cobrar dereitos polos litros de alcohol que dicía meterse nos oitenta. As organizacións piramidais é o que che teñen, moito escravo na base e catro faraóns no curuto. Aínda que “escravo” é unha palabra se cadra esaxerada, que de cando en vez cae un cheque do ceo e hai que estar agradecidos.
Outro problema que hai estando dentro é a vergoña que chegas a sentir como socio cando o sindicato arremete no teu nome, é un falar, contra taberneiros, comisións de festas patronais e veciños en xeral. Houbo xa algún xuíz que advertiu seriamente a esta sociedade sen ánimo de lucro da que formo parte polo seu comportamento filomafioso neste tipo de aldraxes. Co ben que me levei eu sempre cos taberneiros e co que me molan as festas populares! A culpa de todo, claro, é da piratería, esa peste que ameaza o choio dos camaradas de máis éxito e que se cerne sobre a industria cultural como a besta apocalíptica que é. Que se lle vai facer ou, resulta que hai unha revolución tecnolóxica en marcha e o negocio está a mudar de xeito radical, aínda que por algunha razón que se me escapa, o sector cultural non parece ser como o sector naval ou o siderúrxico e non se lle pode aplicar aquilo da reconversión industrial forzosa, non vaia ser que a refinada sensibilidade dos grandes artistas saia ferida, líbrenos dios, e non podan seguir a cobrar os millóns de euros que merecen por ser tan xeniais e extraordinarios.
Pero se aínda no colmo tes o defecto conxénito de ser galego, a cousa chega a ser intolerable. Agás afortunadas excepcións, a capacidade de exportación da nosa cultura é moi limitada, especialmente no caso dos que teiman en usar a lingua galega como medio de expresión artística. O mercado español érguese diante de nós como fronteira infranqueable. Acaso a alguén se lle pasa sequera pola cabeza que un grupo de música vasco, catalán ou galego goce da mesma difusión mediática a nivel estatal que un grupo español? E quen di dos músicos, di dos escritores, dos dramaturgos ou dos cineastas. Iso foron tempos, cando facía un sol de carallo, o negocio da cultura estaba en coiros e o clima político semellaba máis despexado. Persoalmente teño a convicción de que o mercado español, máis que un obxectivo, é un obstáculo, e que toda a nosa cultura, como comunidade e non como produto ou espectáculo, debería desenvolver a estratexia de esquivalo no camiño da supervivencia e a autoafirmación. Cal é o problema? Que os galegos, coma os portugueses, estamos atrapados entre España e o océano Atlántico e a única maneira de saír ao mundo sen pasar pola meseta ou embarcar para América é virtual: por iso a chamada cultura libre, coas novas licenzas e as novas canles de distribución que propón, podería ser o gran camiño alternativo e o alicerce dunha utopía cultural: a autoxestión dos nosos recursos culturais, o que implicaría entre outras cousas rematar co monopolio da SGAE sobre a xestión dos dereitos de autor e comezar a estruturar un mercado propio, a día de hoxe ben máis utópico que a sociedade sen clases, por moito que os nosos actuais xestores se empeñen en demostrar a súa existencia mediante argumentos menos lóxicos que teolóxicos.
Xa digo, moita utopía de dios. No último xacobeo, o sindicato dos creadores sacou doce millóns de euros de Galiza, sen que se soubese moi ben como esa pasta gansa ía reverter na nosa cultura. Menos mal que coa súa proverbial dilixencia o Concello Bipartito de Santiago reparou no pormenor e conseguiu que reinvestisen oito millóns -aínda gañaron catro- na comisaría cultural que están montando na quinta de Vista Alegre para controlar o tomate galego e pór freo ao crime artístico organizado tan característico do país, en troques de cederlle á SGAE os terreos gratis durante setenta anos ou así, con invasión impopular da beirarrúa incluída. Velaí como dentro de setenta anos teremos máis un espazo cultural ao noso dispor que se sumará aos xa saturados espazos culturais composteláns, presididos desde o Monte Gaiás pola magna obra que outrora foi epítome de megalomanía e clientelismo e hoxe é xa, verbigratia, instrumento de autogoberno. Manda carallo na Habana. Pero isto é o que sucede, que mentres a nosa clase política practicamente no seu conxunto alucina co seu propio espectáculo sen querer ver a realidade e moitos dos nosos creadores poñen a economía doméstica por diante da autoafirmación cultural, aquí ficaremos, á espera do cheque da SGAE que caia do ceo e nos saque de pobres, soñando con redes, industrias, macrocomplexos e outras entelequias que fagan da nosa cultura o que non é nin pode ser: un puto negocio faraónico.
Así que pola miña parte fago acto de contrición e arrepíntome dos meus pecados como sicario de tan rumboso sindicato. Descúlpame, Deus Creador, polo que acabo de escribir e non deixes que me denuncien por inxurias, que son insolvente e padezo de esquizofrenia cultural.
Confesións dun arrepentido
Enviado por edición en Mar, 11/27/2007 - 15:07.
»
- Entra ou rexístrate para enviar comentarios


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












