Poñer a economía no seu lugar. Bases para o progreso económico da Galiza

horreoO extraordinario desenvolvemento que nos séculos XVII e XVIII tiveron os medios de cambio ou pagarés, estivo moi relacionado coas necesidades dun comercio crecente entre puntos cada vez máis distantes, pero tamén có propósito de distraer os capitais da burguesía da fiscalización dos soberanos absolutos. A través da letra de cambio o diñeiro se facía máis facilmente substraible á recadación e, consecuentemente, ao uso arbitrario por parte do soberano. Nese contexto a mobilidade do capital tiña mesmo un carácter libertario..-Un artigo de Gonzalo Rodríguez

Co proceso de globalización, fundamentalmente financeira, a invisibilización do capital tense extremado e o problema que se plantexa é como xulgar esta evasión do diñeiro cando o soberano é o conxunto da sociedade.

Sería francamente bastante confortable, tanto para os lectores como para min, adicar este espazo a soster que as políticas necesarias para o desenvolvemento da Galiza pasan por incrementar o esforzo en I+D+I, afondar na planificación territorial ou adoptar unha perspectiva de sostibilidade. Todo isto é necesario, pero insuficiente. O progreso, isto é, a construción dunha sociedade do benestar igualitaria e duradeira, require mudanzas máis fondas sobre as que ineludiblemente teremos que tomar decisións.

Na posibilidade de toma de decisións por parte do conxunto da cidadanía radica precisamente o quid da cuestión. Ao longo dos últimos anos asistimos a unha deliberada e implacable subtracción da economía da esfera da política de modo que esta pasa a converterse nunha esfera autónoma, case supraterreal. Nesta longa marcha de fagocitación da sociedade pola economía (corporativista) un fito clave é a constrición dos dereitos humanos ás liberdades civís. Os resultados desta estratexia están á vista. ¿Quen lembra que no artigo 23 na declaración universal dos dereitos humanos se consagra o dereito ao traballo, á libre elección do traballo, a condicións equitativas e satisfactorias de traballo é a protección contra o desemprego?. Unha vez disociado este dereito dos dereitos humanos, a carencia dun medio de vida digno para as persoas xa non constitúe unha violación dos dereitos humanos. En consecuencia con este tipo de pensamento, a falida nonconstitución europea establecía que os cidadáns europeos terán dereito a procurar traballo. É dicir, terán dereito a tentar ter un traballo, pero se non o teñen a responsabilidade será exclusivamente súa, non das administracións. Pero se o obxectivo da política non é establecer as condicións nas que os cidadáns podan acceder ao traballo, entón ¿cal é?.

Resulta cómico (senón fora polo dramático) que mesmo a virtude máis publicitada do proceso de globalización en marcha, a superación das fronteiras, sexa falsa. Na mesma medida en que se reducen as cortapisas para libre circulación do capital, aumentan as barreiras para libre circulación das persoas, non só no plano internacional, senón tamén no intranacional. O incremento das desigualdades e, con elas da seguridade, está a provocar unha nova xeración de medidas de privatización de espazos e, consecuentemente, de exclusión. Así as urbanizacións pechadas, rodeadas de vallas, cámaras e gardas de seguridade, están deixando paso ás "cidades contrato". Cidades para clases podentes, promovidas por construtoras e xestionadas por consultores (sen administración pública). Illas de seguridade é exclusión.

A supeditación da sociedade ao mercado debe ser invertida, máis aínda se aceptamos que o desenvolvemento debe ser sostible. A introdución desta perspectiva (a sostibilidade) cuestiona a idea mesma de progreso tradicionalmente aceptada, que non era senón sinónimo de consumo de maior número de bens. A evidencia do carácter limitado e escaso dos recursos dispoñibles obríganos a mudar (ou desaparecer como sociedade) e orientar a satisfacción das nosas necesidades a través da mellora da calidade de vida e do traballo, do incremento e mellora da calidade dos vínculos interpersoais e, en definitiva, tal e como se establece na definición de desenvolvemento humano das Nacións Unidas, a través do aumento das posibilidades dos individuos de elixir, isto é, de ser libres para exercitar as súas eleccións e participar nas decisións que afectan as súas vidas.

En definitiva, calquera que sexan as estratexias adoptadas para procurar o progreso da Galiza, deben ter por obxectivo incrementar a posibilidade de elixir das persoas. O cal implica estender e afondar na democracia e, a través, dela, na supeditación dos instrumentos económicos aos intereses e necesidades sociais. Isto require institucións públicas fortes e mercados dinámicos pero suxeitos as regras de xogo determinadas pola política. Compre tamén, por último, lembrar que o mundo é pequeno.