Hai uns anos escribín esta frase espléndida: "Non é certo que Castelao morrese, está vivo, está recollendo diñeiro e apoios entre as comunidades emigrantes para voltar a terra e botar os caciques fóra". Non ven a conto explicar neste pequeno vertedeiro de palabras porque inventei semellante frase. Sonche outras leiras e outras guerras.-Un artigo de Xelís de Toro
Pero tráioa aquí, porque estas palabras, son como o pano que garda o ouro de sentimentos nacionalistas de longo percorrido. Un é a morte de Castelao fóra da terra e o seu testamento de que o seu corpo non voltase ata que esta estivese liberada, o pai da patria enterrado en terra allea, e outro é a emigración no imaxinario colectivo como posuidora da nosa enteireza nacional en tempos dificiles. De soños case se vive. Como de soños viviu moita xente a espera dun xornal chamado Galicia, do que eu non me quería perder o número cero. Aquí estou, asinando no medio de artigo, por se acaso, Xelís de Toro, no meu xornal soñado, na terra prometida.
Mais agora que significa a palabra emigración? Por unha parte significa o mesmo de sempre. Marchar en busca de traballo. Moita xente nova sígueo facendo nin máis nin menos. Máis é unha emigración diferente. Nin é a emigración de non chores por min Arxentina nin se viaxa á terra do olvido. Moitos dos emigrantes galegos que se ven polo mundo adiante están moi preparados, máis que preparados. Chámanlle profesionais. Ademais as compañías de baixo custe, internet, fai que todo estea máis a man, as separacións non son tan espaciadas no tempo. O emigrante galego non se disvincula tanto da terra como antes acontecía, está aquí e alá, nin dentro nin fóra. O diálogo con Galicia é máis fluido e dinámico. Moita xente marcha momentaneamente ata que se poida volver, ata que as condicións melloren, para moita xente sempre foi así. Pero o nivel cambiou moito. Agora non se escapa da fame, escápase para poder facer o traballo que un quería, para poder mellorar e aprender, para ter oportunidades que en Galicia non hai. Afóra tamén se está a formar moita xente. Se cadra algún día voltarán se poden e se seguimos cos soños farán o traballo que Castelao deixou sen facer "botar os caciques fóra". Estamos falando do imaxinario colectivo. Imaxinar imaxínase.


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












