Moitos seguimos a preguntarnos aínda hoxe quen lle vai meter man ao fenómeno do despoboamento no rural, onde a poboación infantil descendeu un 80% nos últimos 25 anos e varias comarcas do interior lugués e ourensán perderon un 90% dos seus alumnos neste tempo.-Un artigo de Aser Álvarez
De seguir así a tendencia, nunhas décadas imos ter un auténtico deserto humano no interior do país, un espazo que ben podería ser "posto en valor" facendo un parque eólico, un plató ou mesmo unha finca de caza. A provincia de Ourense perdeu máis de 6.000 habitantes en 5 anos, mentres que o parque móbil aumentou en 31.000 coches.
Para moita xente isto é fartura e calidade de vida. É o que ten a modernización e o feito de que a poboación rural teña sido empurrada, social, económica e politicamente, a abandonar os seus valores, a súa paisaxe e tamén a súa lingua. O verdadeiramente curioso é que nestes anos se teña incrementado tanto o número de sachos, e máis aínda se a resposta non ten nada a ver cos típicos sacholazos entre veciños. O certo é que o sacho é o tótem do taoismo galaico, coma o ying e o yang deste non país, un símbolo ambivalente que denota escravitude na aldea e que é sinónimo de poderío no xardín do chalé.
A agricultura e a gandería xa non son as actividades económicas principais no rural galego. A desruralización e a despoboación fixeron que boa parte da nosa terra ficara abandonada e inzada de piñeiros, eólicos e koalas. Ao mesmo tempo, a perda de importancia da actividade agrogandeira na economía rural coincide cun renovado interese da sociedade urbana contemporánea polos espazos rurais, para vivir, para mercar os seus produtos de calidade e para pasar o tempo de lecer. E velaquí unha oportunidade de desenvolvemento que non podemos desaproveitar, porque a valorización do hábitat e da paisaxe rurais, o turismo verde e o agroturismo son fenómenos contemporáneos e con proxección no futuro.
Os neorrurais andan á procura de boa parte dese mundo que esvaece e rastrexan as pegadas dun pobo que deixa de ser, sen que ninguén repare en que paralelamente se nos abren novas posibilidades económicas, sociais e culturais, se non as capamos. Xa abonda de asumir como naturais e inevitables as consecuencias do abandono do rural. A desaparición de determinadas paisaxes e o desartellamento territorial son as consecuencias deste declive e tamén son dous problemas políticos prioritarios neste país, porque coa desparición dos elementos definitorios que conformaban o mundo das aldeas vanse tamén as pegadas dos nosos devanceiros e boa parte do noso patrimonio. Xa é hora de pararmos a desfeita e aproveitar as oportunidades de desenvovemento rural que estas mudanzas nos ofrecen nun mercado globalizado. Xa é tempo, ao fin, de botar man dese sacho contemporáneo que todos levamos dentro.


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












