Na actualidade a Serra do Courel atravesa unha situación crítica debido á falta de apoio por parte das institucións galegas. É necesario con urxencia inverter a tendencia de despoboación e a acelerada perda da súa riqueza patrimonial. É momento de facerse eco das revindicacións da Plataforma SOS COUREL, e poñer fin á destrución do patrimonio e darlle saída a gran riqueza dun xeito sustentable..-Un artigo de Victorino Regueiro
Hai uns anos descubrín O Courel. Para min era algo casi místico, polas historias que me contaban amigos que por alí van, a Hórreos, pobo-esquelete, baleiro, silencioso... e outros que me falaban de Vilar, do Lor...
Son unha persoa da cidade e nunca souben o que era a aldea. Cando era rapaz os meus compañeiros íanse as fins de semana á aldea e eu non os entendía, falábanme dun mundo totalmente descoñecido para min.
Por circunstancias da vida, acabei tendo unha casa nunha aldea do Courel, en Froxán. Aí descubrín un mundo diferente. As relacións entre as persoas que viven en Froxán son moi fortes, todos dependemos de todos. Cada persoa que habita Froxán ten un nome, todas as casas están abertas a calquera veciño e atrévome a dicir que a calquera persoa que pase por alí. A hospitalidade e a permisividade son un patrimonio, creo, casi exclusivo deste lugar.
Pouco a pouco e grazas as inquedanzas dun grupo de veciños estase a conseguir que coas súas iniciativas mellore a situación da aldea.
A través dunha asociación cultural e da organización diversas actividades que van dende a recuperación de antigos labores como a 'pisa' das castañas, o aserrado de madeira con serra de aire', a organización de eventos coma o certame de pintura ao aire libre, as rutas de camiñada, marchas nocturnas, limpeza de camiños, etc. Téntase poñer en valor a aldea.
Isto conseguiu darlle a aldea unha maior notoriedade e persoas que descoñecían a existencia deste lugar pasan a ser asiduos visitantes. Isto tamén trouxo como consecuencia un aumento da poboación. Abríronse tres casas que fixan poboación, rehabilitáronse varias e recentemente inaugurouse unha casa de turismo rural cunha importante inversión e que tamén dá un gran renome. Volve haber pequenos na aldea, algo que nas aldeas do Courel é un ben moi escaso. Coma en todo o rural galego, a poboación descende dun xeito vertixinoso.
Este ano houbo xente que se adicou á recollida de castañas e ao posterior secado nos sequeiros para a venda e con isto obter unha importante axuda para subsistencia. Tamén se creou unha industria que se adica á transformación da castaña, que elabora distintas tortas de castaña para as que utilizan fariña de castaña seca da zona. Todo isto na zona de Froxán.
Courel, e Froxán en concreto, teñen grandes posibilidades e un gran futuro por diante. Un futuro que agora moitos vemos moi claro e que pasa por declarar o Courel Parque Natural, como única alternativa realista e acorde coas necesidades dunha poboación abandonada dende sempre pola administración. Courel hoxe é unha marca, unha denominación de orixe. Hai que valorar dunha vez o souto con todo o que iso implica para o desenvolvemento sustentable. Hai que intentar a recuperación da gandeiría e da agricultura e orientalas cara á ecoloxía. Por exemplo, en Froxán non se mercan sementes, senón que eles mesmos aproveitan a colleita anterior.
Hai que recuperar, catalogar e poñer en valor as albarizas, os sequeiros, as cabanas, os muíños, as ferrerías, as pontes, os castros, os camiños que unen as aldeas e que estiveron abertos até hai moi pouco tempo e poboados de sequeiros como os de Render, Mostaz, etc., en definitiva, O COUREL.


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












