Cando na fin da guerra civil, tras o golpe de estado do 36, o conxunto do que chamamos España reconvértese nun país nacionalcatólico, regresivo e cavernario, nun salto atrás de varios séculos, unha das cousas que desaparece da paisaxe e aquela idea da vangarda que encheu de novos pulos ás xeracións de Isaac e mesmo a algunhas anteriores.-Un artigo de Fermín Bouza
Galicia asolágase na auga reaccionaria do novo réxime e as ondas dese mar chegan ata os recunchos mais arrecunchados. Unha idea do mundo propia daquel réxime (e tamén lonxe dos usos e costumes cotiáns dos outros feixismos e nazismos, aínda preto estes de certas vangardas, coma o futurismo, entre outras) que racha coa mentalidade nacente dunha arte autocrítica e que anda rompendo cos seus principios históricos.
Pasarán algúns anos ata que, no conxunto do estado, xentes coma Millares e o grupo El Paso, volvan a pensar a materia en termos anovadores, como fixeron en Galicia xentes como Reimundo Patiño, que retoma a creatividade no punto no que pode ser transmitida ás novas xeracións.
No medio, o horror dunha posguerra que os demócratas e galeguistas que aquí pasaron sufriron coma unha lousa inmensa e brutal. Fóra estaba a señardade, pero aquí estaba o horror e o maior sufrimento, a humillación e a morte. Da señardade do exilio chegaban xentes como Seoane, cheos de formas novas e ganas de encher Galicia do vello espírito vangardista e creador. E tantos outros coma Luis Seoane. E de entre eles chegou Isaac Díaz Pardo coas súas propostas de deseño e creación e todo o que foi O Castro e Sargadelos, un xeito moi especial de devolver ao mundo do popular aquela pescuda das formas que foi a alma das vangardas.
Isaac é o embaixador dun pasado creador, roto na Guerra, e que con el e outros volve a nacer cara ao futuro, nesa sensibilidade que agora vai unir a arte e a empresa, o culto e o popular. Engadido a iso, a paixón de Isaac polo novo mundo da información, que lle leva a adiantarse tamén aos novos tempos e a propor o seu estudio e análise sistemática, porque a información é a nova deusa dun tempo que xa se veu riba de nos. Faltou pechalo cun grande diario galego e en galego, que agarda a man do tempo do posíbel para nacer. O último intento, o de Edicións de Referencia, con Antón Baamonde como guieiro, e eu mesmo na aventura, non puido ser.
Pero a idea de Isaac segue vixente, tanto no eido da investigación informativa como do grande medio galego.Vaian estas liñas como lembranza e apoio a Isaac, e que o tempo e as súas luzes de Galicia, nos devolvan aquel espírito de futuro e aquela aventura que un día nos propuxo Díaz Pardo.


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












