Médico no IGI

martinhonoriegaAlgo non marcha ben neste País cando cada certo tempo asistimos a exercicios próximos á antropofaxia cos nosos referentes políticos, empresariais e culturais. Algo marcha aínda peor cando eses parricidios dietéticos acontecen no coñecido como mundo da esquerda e do nacionalismo sen pudor nin memoria. Existe un exceso de complexo de Edipo en certos segmentos da cidadanía que fan imposible a posibilidade de ter no campo dos nosos referentes sociais o mellor equipo de todos.-Un artigo de Martiño Noriega. 

Hai xente que prefire perder todos os partidos e quedar como máximo anotador antes que compartir vitorias e experiencias con persoas que fixeron de Galiza o principio e fin da súa traxectoria vital

Eu sempre quixen ser médico no Instituto Galego da Información, edificio que naceu para acoller o xornal Galicia, que actualmente é a factoría cultural do grupo Sargadelos e que dende hai 10 anos visito a modo de terapia existencial cada certo tempo. Médico cando aínda era estudante e pasaba moitas tardes no devandito edificio na compaña do meu mestre Xose Ramón Fandiño, na súa mesa de traballo, rodeado de libros e xornais. Médico no IGI cando xa exercía a Medicina en fríos hospitais ou varios Centros de Saúde e médico no IGI, agora que exerzo a miña actividade persoal na alcaldía do Concello de Teo.

Un ben sabe que para Isaac, antes que a máquina está a persoa, antes que o puro beneficio empresarial está o compromiso co País e a súa memoria histórica dende hai moitos anos. Un ben sabe, que Isaac é un francotirador contra o pensamento único, un librepensador nun mundo teledirixido, o fillo daquel gran home que debuxaba ideas, o rapaz que con Avelino Pousa facía campaña polo estatuto no 36 nun camión de recollida do lixo en Compostela, o que renunciou a ser pintor nun país onde faltaban os mellores, a sabedoría que morre matando dende un corpo cativo e diminuído nesta loita contra o mal de aire.

A pesar de todo isto, Isaac e Fandiño sempre souberon que a miña querenza por exercer a profesión no IGI era unha coartada para estar nun lugar onde se respiraba arte e liberdade en cada aula, en cada despacho.Un lugar onde se acollía a calquera artista en dificultades, onde os libros non aspiraban a ser best-sellers, onde a creatividade, as fotografías e o saber facer das súas xentes falaban e cubrían o baleiro existente.

Neste tempos que corren nun país ermo de cidadáns que aposten por reinvestir os seus beneficios persoais na colectividade, o IGI é unha rara avis e os seus 11 integrantes unha equipa Copa de Europa. Cando penso neles, penso en 11 persoas que levan case un ano sen cobrar, resistindo o asedio daqueles que tan só contabilizan o beneficio en billetes de papel. Cando penso neles penso en Gloria, Alfonso, María, Xosé Ramón, Isaac, Charo, Marisa, Juan Carlos, os  dous Antonios, Begoña e Mónica.

Sempre gustei da obra de Celso Emilio Ferreiro, especialmente da súa Viaxe ao pais dos ananos publicada no ano 68. Corenta anos despois esta obra segue a ter vixencia, non xa para describir o mundo da emigración, senón para falar de Galiza dende coordenadas propias. Resulta curioso que aqueles que berran agora polo beneficio empresarial, aqueles que medraron á sombra de Isaac alimentándose da súa xenerosidade, sexan agora os avalistas da linguaxe accionarial, dos beneficios que por primeira vez non colleitaron, das mentiras xudiciais, da negación do que foron.

Impotencia. Esa é a verba que define como estou a vivir  a crónica desta morte anunciada comunicada por aqueles que pasarán á posteridade por ser os verdugos doutra maneira de entender a cerámica, a empresa, o espírito do Laboratorio de Formas, a editorial…a Cultura. Neste país no que sobran medallas Castelao e falta decisión e compromiso cos bos e xenerosos, non esqueceremos aos Brutus que cravan puñais polas costas.

Se este Xaneiro confirma o que todos tememos, todos os galegos e as galegas perderemos algo. Se este Xaneiro que entra confirma o finiquito dunha actitude vital eu non poderei exercer a miña verdadeira vocación…SER MÉDICO NO IGI.